Ir o contido principal

Aarón Martínez: “O que agardaba atopar quedou moi curto en comparación co que descubrín”

Aarón Martínez: “O que agardaba atopar quedou moi curto en comparación co que descubrín”
Aarón Martínez: “O que agardaba atopar quedou moi curto en comparación co que descubrín”
O estudante de Medicina da USC acaba de chegar da expedición Polar Raid a Laponia na que estudou o risco cardiovascular da comunidade Sami

“A inmensidade de verte rodeado por quilómetros e quilómetros de lomas cubertas de neve e xeo, acompañado unicamente por auroras boreais e estrelas, é algo que non se pode describir con palabras ou fotos, debe vivirse”. Así de emocionado chegou o estudante de cuarto curso de Medicina da USC Aarón Martínez logo de participar na expedición Polar Raid a Laponia na que tiña como cometido estudar o risco cardiovascular da comunidade Sami, pobo indíxena da rexión.

A curiosidade científica de Aarón Martínez neste ámbito xurdiu o pasado ano nas clases de cardioloxía. “Alí explicáronnos que a dieta é un factor importante de risco cardiovascular, e que había que distinguir entre países do norte de Europa e os mediterráneos, os segundos con menor risco”. Esta tese de partida levouno a estudar unha poboación “que leva centos de anos vivindo nesas zonas e alimentándose de forma tradicional, baseando a súa dieta na carne vermella”, explica.

Durante a súa estancia do círculo polar ártico este estudante de Medicina entrevistou ás persoas voluntarias, clasificadas por sexo e rangos de idade, sobre hábitos de alimentación e deportivos e mediulles a tensión. Unha toma de datos que tivo unha moi boa acollida. “Son persoas sumamente amables e colaboradoras”, explica Aarón. Agora, xa de volta, comparará eses resultados cunha poboación similar española.

Pero ademais do afán científico da expedición houbo tamén tempo para a aventura. Aarón practicou técnicas básicas de supervivencia en neve, pescou en lagos e ríos xeados, fixo rutas nocturnas con raquetas e observou auroras boreais. E a final da viaxe rematou co mellor premio. A pesar das complicadas condicións climatolóxicas (50 graos baixo cero e ventos de 40 qm/h) “e da nosa insistencia –matiza–, unha quitaneves abriunos paso ata chegar a Cabo Norte, o punto máis setentrional de Europa”, conta con satisfacción.

Tr adición familiar
O interese por esta clase de aventuras venlle de familia. Seu pai, Finuco Martínez, é escalador e desde pequeno meteulle no corpo o gusto pola montaña. “Hai tres anos descubrín Ruta 7 ULPGC, unha aventura de 35 días polas sete Illas Canarias na que 45 universitarios percorren distintos pobos valéndose unicamente do troco para subsistir. Un dos compañeiros co que fun, Pablo Sotoca, soubo desta aventura a Laponia e nolo dixo ao resto do equipo, que non tardamos nin 30 segundos en apuntarnos”, comenta.

Aarón Martínez estudou en San Francisco (California) e Malmö (Suecia), onde realizou o bacharelato internacional. Este ano obtivo a prestixiosa bolsa de investigación da Asociación Española Contra o Cancro coa que durante dous meses estudou no Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Biosanitaria de Santiago a relación da metástase e as plaquetas.

A expedición
O Polar Raid Universitario Laponia, organizado pola Asociación Rexións Polares e Universia, ten como principal obxectivo mostrar a realidade medioambiental e cultural das rexións polares e subpolares do planeta a través de expedicións dirixidas á comunidade universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2016.