Aberta ata o 27 de outubro a inscrición na oitava edición do proxecto Mentoring

O proxecto Mentoring da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC constitúe un apoio na planificación do futuro profesional do alumnado, alén de ofrecer unha visión realista do mercado laboral actual. Baixo esta premisa e ata o 27 de outubro, pode formalizarse a inscrición neste programa dirixido a estudantado de último ano de grao ou mestrado no presente curso, así como a persoas tituladas en mestrado ou grao no ano académico 2021/2022. Pódese formalizar a inscrición a través desta ligazón.
Durante varios meses os alumnos e alumnas participantes terán a oportunidade de contactar cun/unha profesional da súa área de interese, que os acompañará e apoiará no seu proceso de inserción laboral. Ademais, no programa realizaranse actividades formativas coa finalidade de mellorar a empregabilidade das persoas participantes.
“Trátase dun programa cunha ampla traxectoria de edicións e cunha gran acollida entre o alumnado da USC”, apuntan dende a Área de Orientación Laboral e Emprego da USC. Proba desta traxectoria consolidada son os preto dun cento de mentores que participaron na pasada convocatoria do proxecto, todos eles procedentes de moi diversos sectores do tecido empresarial galego “Moitos destes/as profesionais levan dende o principio deste proxecto, apoiando alumnos/as da USC nos seus inicios profesionais”, engaden dende Orientación Laboral.
As dúbidas relativas a Mentoring poden trasladarse a través do enderezo electrónico proxecto.mentoring [at] usc.es (proxecto[dot]mentoring[at]usc[dot]es)