Aberta ata o 30 de setembro a recepción de TFG e TFM para os XVI Premios á Calidade Lingüística

A XVI Edición dos Premios á calidade lingüística ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre o estudantado, ligado ao espallamento da cultura da calidade na elaboración e defensa dos seus traballos fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) redactados en galego no presente curso. O prazo para tomar parte neste apartado do certame manterase aberto ata o 30 de setembro. Os TFG galardoados serán premiados con 300 euros; mentres que os TFM recibirán 500 euros. En todos os casos, os gañadores e gañadoras reciben ademais un diploma para o seu currículo.
Os XVI Premios á calidade lingüística abranguen todas as titulacións da USC e, polo tanto, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que están impulsados dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC. Para optar aos premios só cómpre presentar unha copia do traballo, unha vez que estea aprobado, xunto cos datos que se solicitan, nos rexistros da Universidade.