Ir o contido principal

Aberta ata o 31 de marzo a matrícula para o curso en liña de formación básica en voluntariado

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC desenvolverá durante os meses de abril e maio a sétima edición do curso en liña de formación básica en voluntariado que ofrecerá coñecementos para un mellor servizo na organización non lucrativa na que colaboren e un maior aproveitamento persoal das súas actividades. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de marzo. O curso ten unha duración de 60 horas, que se desenvolverán entre o 2 de abril e o 8 de xuño, e permitirá completar ata 6 créditos optativos (3 por ano) no caso das titulacións adaptadas ao EEES ou 4 créditos de libre configuración adicionais no resto, colaborando nalgunha das actividades de participación e voluntariado durante o curso 2011-2012. O programa impartirase a través do Campus Virtual da USC con contidos relacionados coa participación social no Estatuto do Estudante Universitario; nos voluntariados de idade, saúde e medio ambiente; na atención á diversidade; a inmigración e a interculturalidade; cooperación e desenvolvemento; TIC e participación social e educación para o desenvolvemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2012.