Aberta ata o venres 18 a convocatoria de axudas a programas da Universidade de Verán 2016 en Lugo
A USC impulsa a organización de actividades da Universidade de Verán da USC no campus e na provincia de Lugo ao longo de 2016 a través da apertura dunha liña específica de financiamento que contempla axudas de ata un máximo de 2.000 euros para cada unha das propostas que resulten aprobadas. A convocatoria, cuxos requisitos están accesible na web da USC, permanecerá aberta ata o 18 de decembro.
A posta en marcha desta liña de axudas, que é unha das accións xa contempladas no plan de choque a prol do campus de Lugo asinado entre Deputación de Lugo e USC e cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o venres 18 de decembro, pretende servir de estímulo para potenciar a visibilidade da actividade docente e de investigación que se está a desenvolver nos distintos centros da sede universitaria luguesa. A contía máxima das achegas por cada actividade formativa proposta é de 2.000 euros e os requisitos fixados para a obtención das axudas desta liña de financiamento establecen que as distintas actividades incluídas na Universidade de Verán 2016 da USC beneficiarias destas achegas teñen que celebrarse nalgunha sede da provincia de Lugo. Asemade, a dirección e/ou co dirección do referido programa formativo debe corresponder a docentes, investigadores e/ou persoal de administración e servizos da USC con adscrición ao campus lugués. Prazo e lugar de presentación de solicitudes Os membros da comunidade universitaria da USC interesados/as en participar nesta convocatoria específica da axudas para a celebración de cursos verán da USC, simposios ou outras actividades formativas estivais incluídas na Universidade de Verán da USC poderán presentar as súas correspondentes solicitudes ata o 18 de decembro a través do enderezo de correo electrónico vr.lugo [at] usc.es (vr[dot]lugo[at]usc[dot]es). As persoas interesadas deberán remitir xunto coa súa solicitude unha ficha informativa na que se indique título e obxectivos do curso, duración, público a quen vai dirixido, ademais dunha breve descrición de contidos e unha memoria económica provisoria. A resolución das axudas concedidas no marco desta convocatoria farase pública non máis tarde do 15 de xaneiro de 2016.