Ir o contido principal

Aberta a convocatoria do concurso de ideas para o deseño do cartel e imaxe da campaña de matrícula na USC para o curso 2013-2014

O prazo para a presentación de orixinais remata o 20 de marzo

A USC convoca ao estudantado universitario e de ensino medio para que participen nun concurso de ideas, para o deseño do cartel e da imaxe da campaña de matrícula do vindeiro curso académico 2013-2014. As persoas interesadas disporán de prazo ata o 20 de marzo para presentarse ao concurso e gañar un premio de 1.000 euros ou o accésit de 600.

A idea gañadora converterase na imaxe que se utilizará no deseño de material de difusión e promoción dos estudos da USC, tales como carteis, folletos ou páxinas web, entre outros. Cada concursante poderá presentar ata dúas propostas que deberán ser inéditas.

Encargarase de avaliar as propostas presentadas un xurado integrado polo reitor da USC, a xerenta, o director do Gabinete de Comunicación, a directora da Oficina de Información Universitaria e o coordinador do Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’. Ademais da calidade e valor artístico, valorarase positivamente que as propostas se adapten aos diferentes espazos e formatos que se empregarán na campaña de matrícula (web, carteleira ou papelería). As propostas deberanse enviar ou presentar na Oficina de Información Universitaria (Pavillón Estudantil, 2º andar, Campus Sur, 15706 Santiago). Cada deseño presentarase nun sobre en soporte dixital ou en papel, acompañados dunha ficha na que figure os datos de identificación e contacto co autor, curso e centro onde está realizando os estudos, fotocopia do DNI, breve explicación do deseño proposto e o lema da campaña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2013.