Ir o contido principal

Aberta a convocatoria de idiomas para o segundo semestre do curso do Centro de Linguas Modernas

Os cursos diríxense a toda a comunidade universitaria e a persoas alleas a ela maiores de 18 anos. Foto: Santi Alvite
Os cursos diríxense a toda a comunidade universitaria e a persoas alleas a ela maiores de 18 anos. Foto: Santi Alvite
En alemán, catalán, francés, galego para non galego falantes, inglés, italiano e portugués

Ata o 31 de xaneiro, calquera persoa interesada en aprender un novo idioma ou mellorar as súas competencias nun que xa coñece pode matricularse na nova convocatoria de cursos que o Centro de Linguas Modernas impartirá de febreiro a maio nos campus de Santiago e Lugo.

Neste segundo semestre do curso académico, o CLM oferta os idiomas alemán, catalán, francés, galego para non galego falantes, inglés, italiano e portugués. Todos eles impártense en varios niveis de acordo ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MECRL), e hai tamén outros cursos de práctica de destrezas específicas como o de habilidades de fala e comprensión en inglés.

Excepto quen comece a estudar un novo idioma ou quen poida acreditar un nivel inmediatamente anterior ao que desexa estudar, deberá realizar un test de nivel previo á matrícula, ben presencial ou ben en liña.

Acreditación e créditos ECTS
Para aprobar cada curso é precisa a asistencia ao 80% das horas presenciais e a superación da avaliación continua e final. O alumnado que aprobe poderá solicitar o recoñecemento de créditos ECTS, cunha equivalencia segundo niveis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2025.