Aberta unha nova edición do Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán

O persoal investigador dispón ata o 30 de setembro deste ano dunha nova oportunidade para concorrer ao Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán concibido co fin de pór en valor o patrimonio histórico, documental e científico da Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago (RSEAP). A el poden concorrer traballos de investigación histórica, paleográfica, xeográfica, artística, arquivística, patrimonial, bibliográfica ou calquera outro de investigación de carácter histórico fundamentado no patrimonio e documentación da RSEAPS ou no período e motivo da creación desta sociedade. A segunda edición do premio presentouse este mércores na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia nun acto presidido polo reitor e no que tamén participaron o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso, e o presidente e o vicepresidente da Sociedade Económica Amigos do País, Juan Bautista de la Salle Barreiro e Francisco Loimil, respectivamente. De carácter bianual e dotado con 2.000 euros, o premio está orientado a persoal investigador, investigadores en formación ou posgraduados. Á convocatoria poderán presentarse traballos inéditos, coleccións de traballos parciais ou artigos científicos xa editados, sempre que non supoñan unha recompilación, que deberán presentarse na RSEAPS (Praza Salvador Parga, 4-2º. 15704 Santiago). Domingo Fontán Domingo Fontán é o autor da Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos, que será a base para a realización do trazado de novas estradas. Precisamente ese mapa preside a Sala de Profesores onde este mércores tivo lugar a presentación da segunda edición do certame.
O mapa de Fontán foi unha obra revolucionaria que tivo plena validez durante máis dun século, sendo pioneira ao adiantarse non só ao conxunto do estado español senón tamén a moitos países europeos. Como novidade na súa elaboración, Domingo Fontán botou man do traballo de campo e do uso do procedemento de triangulación, ata ese momento so empregado na cartografía marítima, que forneceron de exactitude o resultado final.