Ir o contido principal

Aberta a inscrición para asistir á presentación do estudo ‘Indicadores de xénero no emprendemento de I+D+i’

Este proxecto ten como obxectivos coñecer o rol actual das mulleres en proxectos de transferencia e emprendemento na I+D+i en España
Este proxecto ten como obxectivos coñecer o rol actual das mulleres en proxectos de transferencia e emprendemento na I+D+i en España
O acto desenvolverase o vindeiro 24 de xaneiro no Instituto das Mulleres en Madrid
Santiago de Compostela

Ata as 14.00 horas do vindeiro luns, 23 de xaneiro, será posible inscribirse para asistir á presentación do estudo ‘Indicadores de xénero no emprendemento de I+D+i’ que se desenvolverá na sede do Instituto das Mulleres en Madrid. As persoas interesadas deben formalizar a inscrición neste formulario en liña. O acto servirá para coñecer as desigualdades de xénero a nivel estatal dentro do ámbito do emprendemento, de tal xeito que se poidan establecer actuacións a nivel global e local para diminuír a fenda de xénero na I+D+i.

A sesión tamén abordará a formación ao persoal do Instituto das Mulleres e outras entidades, sobre o uso da ferramenta coa que traballa o estudo de xénero no emprendemento de I+D+i. Na sesión de clausura participará a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, xunto con Begoña Suárez, subdirectora xeral para o Emprendemento, a Igualdade na Empresa e a Negociación Colectiva de Mulleres do Instituto das Mulleres.

Programa

O acto botará a andar ás 10.30 horas coa benvida da directora do Instituto, Antonia Morillas González. A continuación, Amaya Mendikoetxea Pelayo, delegada de CRUE Universidades Españolas para Políticas de Igualdade; Magdalena Suárez Ojeda, coordinadora da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU); e Lidia Cerezo García, coordinadora do Grupo de Traballo OTRI-INDICADORES, abordarán a perspectiva de xénero na xeración e transferencia de coñecemento. A coordinadora de Innovatia 8.3, Eva López Barrio, será a encargada de presentar os resultados preliminares do estudo. A análise da ferramenta utilizada para a recollida de datos correrá a cargo da spin-off da Universidade de Zaragoza Kampal. Antes do acto de clausura, desenvolverase unha mesa redonda sobre casos de emprendemento feminino nas universidades.

“Múltiples artigos científicos e divulgativos refiren unha taxa de emprendemento feminino dentro do ámbito da I+D+i menor da esperada”, explican dende Innovatia 8.3, iniciativa conxunta de USC e Instituto das Mulleres para o fomento do espírito empresarial das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico. “A complexidade e cantidade de información de produción académica fai complexo o seu tratamento, con todo, as novas técnicas de análise de big data, e a actual capacidade dos procesadores de datos fan que se poidan expor proxectos viables que hai uns anos resultaban inalcanzables”, engaden. Este proxecto ten como obxectivos coñecer o rol actual das mulleres en proxectos de transferencia e emprendemento na I+D+i en España, e elaborar unha metodoloxía que permita transformar a realidade potenciando o rol das investigadoras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2023.