Ir o contido principal

Aberta a inscrición para a proxección de ‘Las Constituyentes’ e coloquio con Nona Inés Vilariño na residencia ‘Bal y Gay’

A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, a través da Oficina de Igualdade de Xénero, vén de abrir o prazo de inscrición para participar na proxección do documental ‘ Las Constituyentes ’, así como no posterior coloquio con Nona Inés Vilariño Salgado, deputada da primeira lexislatura pola provincia da Coruña, no marco dunha sesión que se desenvolverá o vindeiro 14 de abril, a partir das 17.30 horas, no salón de actos da residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC.

Esta sesión, dirixida á comunidade universitaria aínda que aberta ao público en xeral, permitirá ás persoas asistentes coñecer de xeito directo o testemuño de Nona Inés Vilariño Salgado, unha das 27 mulleres que desde o seu traballo parlamentario foron protagonistas na lexislatura constituínte de 1977 da transformación democrática en España e doutros cambios a prol da defensa activa da igualdade entre mulleres e homes.

A USC outorgará un diploma acreditativo de asistencia ás persoas que formalicen a súa inscrición na sesión con anterioridade a través da páxina web www.usc.es/oix. A inscrición é de balde e o prazo permanecerá aberto ata as 14.00 horas do mércores 13 de abril de 2015.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2015.