Ir o contido principal

Aberta a inscrición nun taller de gandería ecolóxica e elaboración de derivados lácteos na APLTA do Campus Terra da USC

Instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC
Instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC mantén aberta a inscrición no obradoiro ‘Bases da gandería ecolóxica e elaboración de derivados lácteos’, unha actividade formativa organizada no marco do XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica que se desenvolverá o 20 de setembro, en quenda de mañá e tarde. O programa matinal do obradoiro terá lugar de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións da APLTA, sitas na Rúa Montirón da capital luguesa, onde, logo dunha explicación inicial, os técnicos da APLTA guiarán aos participantes na aplicación e posta en práctica dos coñecementos adquiridos para a elaboración de queixo fresco enzimático, ademais do proceso de microfabricación de iogur. Nesta actividade é posible visualizar e completar os procesos habituais da elaboración de queixos, desde a preparación do leite, callado, traballo na cube e modelado. No caso da fabricación de iogures, este proceso desenvolverase a partir de tres esquemas de fabricación segundo o equipamento e as características do produto que requira a empresa. A segunda parte deste obradoiro desenvolverase no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo en quenda de 16.30 a 18.30. Neste caso, o doutor veterinario da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica Carmelo García Romero abordará na súa intervención tres temas fundamentais no que respecta ás bases da produción gandeira ecolóxica: prevención e control de enfermidades, plans de saúde e xestión sanitaria, ademais de tratamentos veterinarios e manexo sanitario. O prezo da matrícula no obradoiro completo é de 30 euros para o público en xeral, unha taxa que se reduce a 20 euros para persoas desempregadas. A inscrición está aberta e as persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula enviando un correo ao enderezo electrónico silae [at] agroecologia.net (silae[at]agroecologia[dot]net).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.09.2016.