Ir o contido principal

Aberta a inscrición na ‘Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade. Agresión off nas universidades’

Esta actividade, organizada pola Secretaria Xeral da Igualdade en colaboración coas universidades galegas, está incluída no percurso formativo ‘O acoso sexual e as novas formas de violencia sexual’. FOTO: Santi Alvite
Esta actividade, organizada pola Secretaria Xeral da Igualdade en colaboración coas universidades galegas, está incluída no percurso formativo ‘O acoso sexual e as novas formas de violencia sexual’. FOTO: Santi Alvite
O prazo remata o venres, 11 de novembro, ás 14.00 horas. As sesións desenvolveranse en Medicina e Odontoloxía, así como en Ciencias da Comunicación, o vindeiro 14 de novembro
Santiago de Compostela

A cuarta edición da ‘Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade. Agresión off nas universidades’ desenvolverase o vindeiro luns, 14 de novembro. A quenda de mañá estenderase entre as 10.00 e as 14.15 horas no Salón de actos 'Novoa Santos' da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Ciencias da Comunicación acollerá a sesión de tarde entre as 16 e as 19.30 horas. O prazo para inscribirse remata este venres, 11 de novembro, ás 14.00 horas.

A xornada profundará na  violencia de xénero nas universidades, as experiencias nos campus europeos e norteamericanos, o traballo en igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres nas universidades españolas, a realidade sobre a violencia contra as mulleres nos campus galegos e as medidas para afrontala, ou nos retos e oportunidades fronte as violencias machistas, alén de contar coa exposición de traballos académicos en materia de violencia nos campus. Ademais, tamén se desenvolverán obradoiros en materia de autodefensa fronte ás violencias dixitais, narrativas e visualidades das violencias de xénero ou novas masculinidades.

Esta actividade, organizada pola Secretaria Xeral da Igualdade en colaboración coas universidades galegas, está incluída no percurso formativo ‘O acoso sexual e as novas formas de violencia sexual’ recoñecido con 1 crédito ECTS para todas as titulacións de grao da USC. Entregarase diploma acreditativo de asistencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2022.