Ir o contido principal

Aberta a matrícula para unha nova edición dos Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica

A Escola de Práctica Xurídica da USC mantén aberto o prazo de matrícula para a 26 edición dos Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica, que imparte con carácter de título propio da USC en colaboración cos colexios profesionais e homologado polo Consello Xeral da Avogacía Española. Os estudantes que se matriculen nesta convocatoria constituirán probablemente a primeira promoción (2010-2012) que sairá das aulas do Centro entrada xa en vigor a Lei de acceso ás profesións de avogado e de procurador.

A partir da entrada en vigor da nova Lei, a finais de outubro de 2011, a obtención deses títulos profesionais será requisito imprescindible para a colexiación e así poder desempeñar a asistencia letrada en procesos xudiciais e extraxudiciais. A Lei de Acceso 34/2006 establece o dereito a obter o título profesional de avogado e de procurador a aqueles licenciados ou graduados que acrediten unha capacitación profesional específica obtida mediante a superación da correspondente formación especializada, que haberá de ser impartida por universidades e colexios profesionais conxuntamente. Precisamente, a Escola de Práctica Xurídica de Santiago é a única destas características en Galicia, que imparte un dos programas máis completos e de calidade de todo o Estado.

O programa destes estudos de especialización está destinado a licenciados en Dereito e alumnos con algunha materia pendente, e ten como obxectivos a formación práctica de profesionais altamente capacitados para o exercicio da profesión e proporcionar contactos proveitosos que faciliten a súa inserción no mercado laboral así como unha primeira experiencia profesional.*

A formación abrangue o adestramento en todas aquelas materias que un avogado ou procurador debe coñecer no exercicio do súa labor profesional. As clases, nas que se emprega unha metodoloxía práctica, son impartidas por un equipo de máis de 150 profesionais de recoñecido prestixio e experiencia entre os que figuran avogados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, notarios, rexistradores, inspectores de facenda e de traballo, entre outros. A duración do curso é de 19 meses, de outubro de 2010 a xullo de 2012, cun total de 2.400 horas distribuídas en 900 horas de prácticas de aula e 1.500 de prácticas externas.

Unha vez superados os Estudos, a Escola de Práctica Xurídica expide o correspondente título propio da USC avalado polos colexios de avogados e de procuradores de Santiago, e un Certificado de Aptitude Profesional expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española e o Consello da Avogacía de Galicia. Ademais, a súa realización supón un mérito preferente para o acceso á quenda de oficio dos colexios de avogados de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2010.