Ir o contido principal

Aberta a matrícula no obradoiro ‘Mellora o teu discurso oral’

Aberta a matrícula no obradoiro ‘Mellora o teu discurso oral’
Aberta a matrícula no obradoiro ‘Mellora o teu discurso oral’

O alumnado universitario debe falar regularmente en público de xeito formal, para expoñer un traballo ou un proxecto ou para responder un exame oral. Para axudar a mellorar esta habilidade necesaria o Servizo de Normalización Lingüística da USC ofrece un ano máis o obradoiro ‘ Mellora o teu discurso oral’, que ten recoñecido 1 ECTS por competencias transversais (lingua galega) para todas as titulacións de grao. A matrícula péchase o 15 de marzo.

Co obradoiro adquiriranse habilidades sociais e aprenderase a perder o medo a falar en público e a dominar a linguaxe non-verbal; adquiriranse competencias discursivas coas que artellar un discurso oral estruturado, adecuado, coherente e cohesionado; e familiarizarase no manexo dos diversos tipos de argumentacións ademais de mellorar as competencias lingüísticas orais en galego, de xeito transversal. Para conseguir todos eses propósitos, o obradoiro será eminentemente práctico, con moito traballo individual e en grupo, no que se analicen situacións comunicativas formais e profesionais e se preparen supostos que se gravarán, visualizarán e comentarán.

O obradoiro, aberto a toda a comunidade universitaria, terá lugar entre o 28 de marzo e o 14 de abril en Filoloxía, de 17.00 a 19.00 horas. Para asistir cómpre posuír un nivel de Celga 4 en lingua galega (estudos do bacharelato en Galicia na súa totalidade cursando de maneira oficial a materia de lingua), aínda que non é preciso presentar o certificado.

A USC emitiralles un diploma de asistencia e bo aproveitamento, no cal figurará o número de horas correspondentes (25 horas), a aqueles alumnos e alumnas que superen a avaliación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2016.