Ir o contido principal

Aberta a matrícula nos obradoiros de informática musical e dominio de voz organizados no marco dos ‘Sons Creativos’

Cartaz dos 8 Sons Creativos
Cartaz dos 8 Sons Creativos
Os membros do GCSUS Arturo Vaquero e Mónica Álvarez guiarán estas sesións formativas, que se celebrarán os días 4 e 6 de maio na Casa do Saber

A USC mantén aberto o prazo de matrícula nos obradoiros de informática musical e dominio de voz que se desenvolverán os días 4 e 6 de maio no auditorio da Casa do Saber de Lugo no marco da oitava edición do programa de música experimental e electroacúsica ‘Sons Creativos’.

O obradoiro ‘Informática dixital para a creación de paisaxes sonoras’, que estará guiado por Aruturo Vaquero, constitúe unha proposta formativa orientada a aquelas persoas interesadas en gravación e na creación de paisaxes sonoras. Daquela, os contidos deste obradoiro abranguen desde consellos para a gravación de son, planificación e creación de obras sonoras, manexo de secuenciadores multipista, manipulación de sons, automatización de parámetros e mestura para a creación de arquivos de son máster. Mónica Álvarez, outra das integrantes do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUSC), impartirá o 6 de maio o obradoiro ‘Dominando a voz exploración sonora’, un programa dirixido a persoas interesadas en manexar o seu aparello fonador de xeito natural e sinxelo. Os participantes neste obradoiro aprenderán mediante a práctica a manexar a voz e tamén a técnica respiratorio e vogal básica para sacarlle proveito aos recursos sonoros vogais. As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición en calquera destes dous obradoiros musicais, que se impartirán en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, poderán formalizar a súa matrícula ata o 2 de maio nas oficinas da área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Pódese obter máis información ao respecto a través do número de teléfono 982 821 513.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2016.