Aberta a matrícula no segundo prazo dos cursos estivais de iniciación do Centro de Linguas Modernas
O segundo prazo de matrícula para os cursos de iniciación que desenvolverá este verán o Centro de Linguas Modernas da USC estenderase ata o 30 de xuño. As clases desenvolveranse tanto en horario de mañá como de tarde en grupos dun máximo de 20 alumnos. A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidade, unha xeral de 175 euros e outra reducida para membros da comunidade universitaria, de 150 euros. O alumnado que cumpra os requisitos contarán con certificacións e créditos universitarios. Na enquisa de satisfacción do pasado ano, 9 de cada 10 alumnos afirmaron recomendar este cursos ás súas amizades e coñecidos, mostrando un grao de satisfacción global media de 4,49% sobre unha puntuación total de 5. O obxectivo da oferta deseñada polo CLM é ofrecer ao alumnado técnicas e prácticas de destrezas e estratexias de comunicación, así como contidos específicos e funcionais de utilidade para as persoas que vaian desenvolver unha estadía no estranxeiro. Deste xeito, os cursos están dirixidos preferentemente a estudantado da USC que marche cunha bolsa de mobilidade a algunha universidade estranxeira, aínda que tamén están abertos a maiores de 16 anos. As clases desenvolveranse do 13 ao 24 de xullo e inclúen para o Campus de Santiago alemán, árabe, catalán, checo, chinés, eslovaco, euskera, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, neerlandés, polaco, portugués, ruso, xaponés e lingua de signos española. En Lugo poderá cursarse alemán, francés, inglés, portugués e lingua de signos. Estes cursos de iniciación ao idioma inclúen contidos do nivel A1 segundo o Marco Común Europeo de Referencia, necesarios durante as estadías de estudos, traballo ou turismo, así como outros relacionados coa cultura do país.