Aberta a preinscrición no curso en liña Mercadotecnia territorial e telecomunicacións da USC
A Universidade de Santiago mantén aberto o prazo de preinscrición no seu curso de perfeccionamento en Mercadotecnia territorial e telecomunicacións, impartido en liña. A Mercadotecnia Territorial é unha ferramenta estratéxica que, empregando as novas tecnoloxías da información e a comunicación, permite definir a imaxe de marca de lugares xeográficos en función do seu modelo de desenvolvemento e das súas necesidades vitais. Dirixido polo profesor da USC Carlos Ferrás, o curso diríxese a alumnado de grao, especialmente das áreas de xeografía ou de ciencias sociais, económicas e humanidades. Tamén está aberto a profesionais e técnicos da administración pública, con ou sen titulación universitaria. Logo da inscrición, que remata o 1 de marzo, abrirase un novo prazo de matrícula do 2 ao 19 de marzo. As clases darán comezo o día 20 dese mes e alongaranse por catro meses. O curso, ofertado co apoio da Fundación Fulbraight e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico de España cos Estados Unidos de América, ten por obxecto capacitar ao alumnado na análise e discusión de casos internacionais, na aplicación de metodoloxías en municipios concretos e no estudo do impacto das telecomunicacións no desenvolvemento económico rexional.