Aberta a preinscrición no máster en protocolo e relacións institucionais
A Universidade de Santiago mantén aberta ata o 17 de novembro a preinscrición no máster propio en protocolo e relacións institucionais que dirixe a profesora Ana Gude Fernández e que comezará dez días despois. Nel explícanse as regras de cortesía que se seguen nas relacións sociais e que foron establecidas por costume. O máster, de 500 horas de duración, achegará novos coñecementos aplicables tanto no sector oficial ou administración pública como nas corporacións privadas interesadas cada vez máis en mellorar a imaxe do persoal e do servizo ademais do trato co público. Con este posgrao iniciarase tamén un curso de especialización en protocolo de 350 horas. O programa abrangue, entre outros os protocolos oficial, internacional, empresarial e académico, que impartirán especialistas de recoñecida competencia en cada un deses ámbitos. Por outra banda, o curso oriéntase tamén a completar e ampliar os coñecementos sobre o mundo do protocolo nos aspectos específicos da materia, ofrecendo unha formación útil non só a quen desexe desenvolverse profesionalmente neste campo senón tamén a quen queira completar a súa formación e aos profesionais que xa exercen esta actividade. Xunto ás clases teóricas, o alumnado participará en numerosas prácticas tanto nas aulas como visitas a institucións representativas.