Ir o contido principal

Aberta a preinscrición do máster en Sociedade da Información

A sétima edición do máster en Sociedade da Información persegue establecer as condicións de colaboración científica entre tecnólogos, científicos sociais e creadores das artes e das humanidades en busca do desenvolvemento económico, social ou cultural en territorios e comunidades concretas. O prazo de preinscrición xa está aberto ata o 10 de novembro, podendo formalizar a matrícula dende o día 6 do mesmo mes. O acceso esixe estar en posesión dun título universitario de calquera área de coñecemento, con preferencia a titulados/as en Traballo Social, Enxeñaría Técnica, Educación Social ou similares. Tamén será admitido alumnado con primeiro ciclo superado e que non lles falte máis de 30 créditos para obter a titulación. O programa docente está orientado tanto ao ámbito profesional como á investigación. Respecto do primeiro, a intención é impulsar a innovación definindo e cubrindo novos postos de traballo na empresa, na administración pública e nas comunidades locais con alumnado especializado no desenvolvemento económico e social e novas tecnoloxías. No campo investigador, o curso busca formar investigadores de excelencia especializados na investigación dos impactos das TIC en empresas, institucións, organismos públicos e privados e na sociedade e no territorio en xeral. O cadro docente ten unha ampla experiencia no terreo da empresa e na investigación, estando integrado a maior parte en tres grupos de investigación da USC, o de Sociedade, Tecnoloxía e Territorio; o de Novos Medios; e o de Sistema Intelixentes e Análise de Modelización Económica. Ademais conta coa colaboración da Fundación Fullbright e a Comisión de Intercambio Cultura e Educativo e Científico España-Estados Unidos, así como coa participación de profesorado especializado de universidades norteamericanas en temas de telecomunicacións e desenvolvemento urbano e rexional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2014.