Ir o contido principal

Aberta a presentación de candidaturas ao XVI Premio Aresa ata o 30 de outubro

Álvaro Rodríguez Eiras e Javier Bueno, na nave de Aresa en Rábade
Álvaro Rodríguez Eiras e Javier Bueno, na nave de Aresa en Rábade
Javier Bueno e Álvaro Rodríguez Eiras presentan as bases da nova edición deste galardón a prol do desenvolvemento rural, dotado con 10.000 euros en metálico

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, presentaron esta xoves nas instalación de envasado de fertilizantes que o grupo empresarial ten no concello de Rábade as bases da décimo sexta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón dotado cunha contía en metálico de 10.000 euros e a través do que os dous organismos veñen apoiando desde o ano 2000 iniciativas que contribúen á mellora do medio rural galego.

O XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, do mesmo xeito que en anteriores convocatorias, está aberto á participación de candidaturas de empresas, grupos de investigación ou persoas que compartan o interese polo progreso e pola innovación do sector primario e o traballo neste ámbito. O xurado valorará especialmente nas propostas aspectos coma a viabilidade económica, a xeración de riqueza e emprego no agro e a posta en valor da produción da terra. Os aspirantes deberán entregar o seu proxecto ou memoria, así como a documentación correspondente en calquera dos rexistros da USC antes das 14.00 horas do 30 de outubro de 2015. O xurado encargado de fallar a candidatura gañadora do XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural fará público o seu fallo na segunda quincena do mes de decembro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2015.