Aberta a votación para escoller os mellores modelos 3D do campionato científico escolar D3mobile 2015

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o prazo para votar os mellores modelos 3D de precisión desenvolvidos por estudantes preuniversitarios cos seus respectivos teléfonos móbiles no marco da D3mobile Metrology World League, un campionato científico promovido polo grupo de investigación USCAN3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía e outras entidades españolas e estranxeiras de carácter público e privado..
Este proceso de votación en liña estará aberta ata o 10 de xuño para todo público interesado, que poderá expresar a súa opinión a través do sistema de votación habilitado na páxina web www.de3mobile.es. Os votos emitidos polos internautas van determinar os gañadores/as dun dos premios deste campionato, que ten como obxectivo promover as vocacións científicas entre os escolares. Ademais, todos os participantes neste proceso de votación en liña entrarán no sorteo de diversos agasallos por un valor total de 300 euros. O D3mobile Metrology World League permitiu á mocidade que tomou parte nas distintas probas celebradas no marco deste torneo aprender a desenvolver modelos 3D de precisión co seu propio teléfono móbil e a través do e-learning. Este programa de carácter formativo e de divulgación científica tamén achegou aos estudantes as ferramentas precisas para investigar e descubrir cómo obter bos resultados métricos e visuais. Os modelos realizados polos estudantes participantes estarán suxeitos estes días á opinión pública, un proceso a co que os promotores da D3Mobile Metrology World League buscan achegar a ciencia á cidadanía, facéndoa partícipe dun campionato ou competición que atopa na ciencia o seu protagonista principal. Este exercicio de divulgación e apertura ao público permite aos escolares descubrir cómo un traballo de investigación ben feito pode guialos ao éxito, ao tempo que reporta certo recoñecemento social aos autores dos modelos 3D máis votados, segundo sinalaron o coordinador deste proxecto de investigación e divulgación científica da USC, Juan Ortiz Sanz, e a tamén profesora da USC e directora do grupo de investigación USCAN3D, Mariluz Gil Docampo. A web www.d3mobile.es permitirá aos usuarios participantes nas votacións acceder a un avance da D3MOBILE 2016 para escolares, así como do campionato individual aberto D3MOBILE Open 2016, no que poderán tomar parte todas as persoas interesadas, a expensas da súa idade.