Abertas as convocatorias para a selección de integrantes do Coro Universitario, do Espazo de Cámara e da Aula de Teatro

A USC inicia o proceso de selección de instrumentistas, actores e actrices, así como de novas voces que se incorporarán ao Espazo de Cámara, á Aula de Teatro e ao Coro Universitario, respectivamente. Os principais detalles destas tres convocatorias presentounas en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, ao que acompañaron o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro; o director do Coro, Miro Moreira; o do Espazo de Cámara, Mario Diz; e a subdirector da Área de Cultura, Mercedes Rosón. A convocatoria de probas de selección desenvolverase a vindeira semana cun calendario diferenciado para cada Espazo. Así, o de Cámara realizará a selección de instrumentistas, especificamente para corda e vento aínda que tamén aberto a outros instrumentos, o mércores día 5 a partir das 21.30 horas na Igrexa da Universidade. Pola súa banda, a Aula de Teatro abre destes xeito as súas portas á elección do cadro artístico que levará a escena a produción O cabaleiro de Olmedo de Monteser. As probas desenvolveranse na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño (Auditorio da USC) o luns 3, o martes 4 e o mércores ás 18.00 horas. Para rematar a admisión de novas voces do Coro Universitario comezará coas probas que se celebrarán o luns 3 e o mércores 5 ás 20.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (na avenida de Xoán XXIII). A participación nas actividades destes tres espazos culturais da USC está recoñecida con créditos, en boa medida, pola súa compoñente como proxectos formativos e didácticos, que lle outorga un valor engadido máis alá do espectáculo que cada un dos espazos representará, sinalou o vicerreitor Francisco Durán na presentación. Xunto coa oferta de accións formativas, as iniciativas presentadas definen, con independencia do contexto económico, as liñas estratéxicas prioritarias da Área de Cultura e ás que “non é posible renunciar”, destacou o vicerreitor Francisco Durán. Formación integral Ademais das probas de selección, o acto serviu tamén para a presentación de actividades formativas de carácter cultural que a USC vai desenvolver ao longo do presente curso, e que se concentrarán arredor do teatro, a danza e a fotografía, con propostas específicas para os dous campus, tal e como sinalou o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro. Engadiu que a oferta corre parella á propia vocación universitaria de ofrecer formación integral ao conxunto da comunidade universitaria, indo máis alá dos propios estudos regrados. Neste senso, o director da Área de Cultura subliñou que destes cursos teñen derivado numerosas compañías de danza ou grupos de teatro constituídas con independencia da Aula de Teatro ou do Espazo de Danza. Ademais recordou que das táboas da USC teñen saído numerosos profesionais hoxe incorporados ao mundo do teatro, o cine ou a televisión. Cursos No eido teatral ofértanse oito cursos en Compostela e catro en Lugo, cos que se atenderá as cuestións técnicas e artísticas estreitamente vinculadas coa representación teatral. Ademais, no caso do obradoiro de arte dramática do Campus lugués, das aulas deste curso sairán os actores e actrices e representarán a estrea da Aula de Teatro deste campus Xunto estas propostas, intégranse outros dous cursos en Santiago e tres no de Lugo enfocados á formación en danza, fundamentalmente contemporánea pero atendendo tamén a outros ritmos dentro do epígrafe ‘Baile na sociedade’. Para completar a oferta, Lugo mantén as súas habituais propostas para a formación en fotografía -con dous obradoiros sobre fotografía analóxica e dixital- e Santiago, logo da demanda recibida nas propostas do pasado curso, amplía a súa oferta cun curso de iniciación á fotografía dixital e outro de nivel intermedio aos que se sumarán diferentes obradoiros nos que se tratará de xeito específico aspectos particulares como a composición, o procesado informático das imaxes, fotografía nocturna ou retrato, entre outras propostas. Máis información en http://www.usc.es/cultura