Ir o contido principal

Aberto ata o 10 de outubro o prazo para solicitar prácticas externas extracurriculares

Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
O Consello Social lanza esta nova convocatoria que abrangue titulacións de grao e de mestrado
Lugo, Santiago de Compostela

A USC, a través do Consello Social, acaba de convocar unha nova edición das súas prácticas externas extracurriculares en empresas ou institucións coas que este órgano ten asinado convenio. O prazo para a presentación de solicitudes por parte do alumnado esténdese ata o 10 de outubro.

Os graos para os que se ofertan prazas son Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Ciencia política e da Administración, Dereito, Economía, Educación Primaria, Educación Social, Empresa e Tecnoloxía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Informática, Historia, Historia da Arte, Nutrición Humana e Dietética, Óptica, Pedagoxía, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social e Veterinaria.

Tamén se ofertan prácticas extracurriculares nos mestrados universitarios en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable, e Innovación e Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria. As bases completas da convocatoria poden consultarse nesta ligazón.

Participación da sociedade

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega na Universidade que ten como finalidade impulsar a colaboración entre ambas para mellorar a calidade do servizo público da educación superior universitaria, contribuido ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia e á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria. Correspóndelle ao Consello Social a supervisión das actividades de carácter económico da Universidade, do rendemento dos seus Servizos, así como promover a colaboración da sociedade no financiamento da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2022.