Ir o contido principal

Aberto ata o 2 de decembro o prazo para inscribirse na edición vixésimo segunda do programa Santander X Explorer

Os Explorer Space da Universidade de Santiago de Compostela están localizados en Santiago de Compostela e Lugo e contan co apoio da Xunta de Galicia
Os Explorer Space da Universidade de Santiago de Compostela están localizados en Santiago de Compostela e Lugo e contan co apoio da Xunta de Galicia
Ao longo de 12 semanas, as persoas participantes asistirán a sesións de resolución de dúbidas con especialistas e a charlas sobre emprendemento con fundadores de startups e figuras de relevancia internacional, entre outros contidos
Lugo, Santiago de Compostela

A USC súmase á edición número 22 do programa Santander X Explorer, impulsada polo Banco Santander e que leva xa 16 anos fomentando o emprendemento nas súas etapas máis temperás e apoiando a validación de ideas co fin de comprobar se poden converterse en proxectos rendibles e solucións innovadoras. O programa, sen custo para as persoas participantes, está aberto a emprendedores de 13 países (Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, EEUU, España, Paraguai, Perú, Portugal, Reino Unido e Uruguai). A comunidade internacional que se formou non deixa de crecer e moitos integrantes coinciden en sinalala como un dos activos máis importantes desta experiencia. O prazo de inscrición finaliza o 2 de decembro nos campus de Lugo e Santiago

A formación en liña con metodoloxía “learning by doing”, a validación das ideas de negocio e o desenvolvemento das habilidades necesarias para transformar proxectos en solucións viables e rendibles son as ferramentas que atopan os participantes en Santander X Explorer. Ao longo de 12 semanas, asistirán a sesións de resolución de dúbidas con especialistas, a sesións de traballo cos seus compañeiros e a charlas sobre emprendemento con fundadores de startups e figuras de relevancia internacional. 

Lugo e Compostela

Os Explorer Space da Universidade de Santiago de Compostela están localizados en Santiago de Compostela e Lugo e contan co apoio da Xunta de Galicia. O USC Santiago de Compostela Space atópase no Edificio Emprendia, núcleo da Transferencia de Coñecemento, Innovación e Emprendemento do Campus Vida, proporcionado aos participantes un espazo coworking e ferramentas para a incubación e a formación, tanto presencial como virtual.

Pola súa banda, o USC Lugo Space está na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE), dentro do Campus Terra, que xa conta cun espazo coworking a disposición dos emprendedores. A Facultade de Administración e Dirección de Empresas eríxese como un espazo universitario para a creación de valor económico-social, sendo o emprendemento un dos eixos chave para chegar a tal fin. Ademais, os proxectos premiados neste centro contarán coa dispoñibilidade dun espazo de incubación para o seu proxecto na Fundación CEL, que colaboran activamente na difusión e desenvolvemento do programa entre o seu tecido empresarial. As actividades destes Explorer Space intégranse no programa de emprendemento USC Emprende da USC que se xestiona dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). 

Cartel do programa
Cartel do programa
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2025.