Aberto ata o 23 de febreiro o prazo para solicitar prácticas externas extracurriculares do Consello Social

A USC a través do Consello Social convoca prácticas externas extracurriculares para o período comprendido entre o 10 de febreiro e o 30 de setembro de 2022. As solicitudes deberán presentarse ata o 23 de febreiro, podendo indicar na mesma un máximo de tres ofertas por orde de preferencia. O proceso pode formalizarse nesta ligazón.
A convocatoria vai dirixida a alumando dos graos en Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Dereito, Economía, Empresa e Tecnoloxía, Educación Primaria, Educación Social, Enfermaría, Historia, Historia da Arte, Enxeñaría Agrícola, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Química, Lingua e Literatura Inglesas, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Pedagoxía, Traballo Social e Veterinaria. Tamén se ofertan prazas para estudantes dos mestrados en Enerxías Renovables Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable e Investigación Biomédica, así como do mestrado en Enxeñaría Agronómica.
O período de prácticas terá unha duración mínima de 125 horas (5 ECTS) e máxima de 750 horas (30 ECTS) a realizar no prazo máximo de 6 meses. A equivalencia establécese en 1 ECTS por cada 25 horas de práctica. A xornada será dun máximo de 8 horas diarias e 40 semanais. Para tomar parte na convocatoria é preciso non ter cuberto o número máximo de créditos de prácticas externas extracurriculares, non manter ningunha relación contractual coa empresa, institución ou entidade na que se van a realizar as prácticas; e ter superados como mínimo 90 ECTS.