Aberto ata este xoves o prazo de inscrición para participar nun seminario de dinamización lingüística en Lugo
O prazo de inscrición para participar no seminario práctico de dinamización lingüística que se desenvolverá ao longo deste mes de abril na Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo está aberto ata este xoves día 8. Os interesados en asistir ás sesións poden matricularse enviando un correo electrónico a francisco.candia [at] usc.es (francisco[dot]candia[at]usc[dot]es) indicando o seu nome completo e NIF.
Este seminario, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Universitaria de Formación de Profesorado e dirixido polo profesor e sociolingüista Bernardo Penabade, destínase ao alumnado, PAS e PDI do centro universitario lugués, así como a calquera outra persoa interesada na educación e nos modelos de convivencia e normalización lingüística en territorios con linguas en contacto, como é o caso de Galicia.
A primeira sesión terá lugar a partires das 16:30 horas do mércores 14, e nela decidirase o número e o horario das seguintes xuntanzas a celebrar, ata un máximo de catro. O obxectivo destes encontros é experimentar e analizar temas como o modelo aditivo de normalización lingüística ou o actual contexto de debate sobre as linguas no ensino galego.