Aberto o prazo para acceder ás ensinanzas universitarias oficiais de grao para maiores de 40 anos

O prazo para solicitar acceso ás ensinanzas universitarias de grao para maiores de 40 anos que acrediten experiencia laboral e profesional e non teñan título oficial de acceso á Universidade, permanecerá aberto entre o 10 e o 26 de febreiro de 2021. Ao estar esta convocatoria sometida a límite de prazas para o inicio, a admisión quedará condicionada ao proceso de asignación da prazas reservadas para este colectivo.
A presentación da solicitude farase a través da sede electrónica da USC. Só no caso de imposibilidade de presentación na sede poderá solicitarse de forma presencial no Servizo de Xestión Académica (Pavillón Estudantil – 15782 Campus Vida – Santiago de Compostela) ou na Vicexerencia do Campus de Lugo (Edif. Biblioteca Intercentros – 27002 Campus Universitario – Lugo).
As persoas interesadas deben cumprir, ou ter cumpridos, 40 anos antes do 1 de xaneiro de 2022; non posuír ningunha titulación académica habilitante para acceder á Universidade por calquera outra vía de acceso; acreditar experiencia laboral e profesional en relación coa ensinanza universitaria oficial de grao para a que se solicita o acceso; así como a superación dunha entrevista persoal de adecuación da experiencia ao perfil de estudos solicitados.