Ir o contido principal

Aberto o prazo da segunda convocatoria do Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán

Concibido co fin de poñer en valor o patrimonio histórico, documental e científico da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago (RSEAP), a USC convoca a segunda edición do Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán. Coa colaboración da propia Real Sociedad, o premio, de carácter bianual, está dotado con 2.000 euros.
A presentación de traballos comezou o pasado mes de abril estendéndose ata o 30 de setembro de 2011. A este premio poderán concorrer traballos de investigación histórica, paleográfica, xeográfica, artística, arquivística, patrimonial, bibliográfica ou calquera outro de investigación de carácter histórico fundamentado no patrimonio e documentación da RSEAPS ou no período e motivo da creación desta sociedade.
Á convocatoria poderán presentarse traballo inéditos, coleccións de traballos parciais ou artigos científicos xa editados, sempre que non supoñan unha recompilación. Estarán redactados en calquera das catro linguais oficiais do Estado cunha extensión de entre 75 e 500 folios en Din A-4.
O premio está orientado a persoal investigador, investigadores en formación ou posgraduados, debendo para elo presentar os seus traballos na RSEAPS (Praza Salvador Parga, 4-2º. 15704 Santiago).
Domingo FontánDomingo Fontán é o autor da Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos, que será a base para a realización do trazado de novas estradas.
Feito con criterios científicos, o mapa de Fontán foi unha obra revolucionaria que tivo plena validez durante máis dun século, sendo pioneira ao adiantarse non só ao conxunto do estado español senón tamén a moitos países europeos. Como novidade na súa elaboración, Domingo Fontán botou man do traballo de campo e do uso do procedemento de triangulación, ata ese momento so empregado na cartografía marítima, que forneceron de exactitude o resultado final.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2010.