Aberto o prazo para inscribirse nos cursos do Centro de Linguas Moderna para o segundo cuadrimestre
O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) oferta durante o segundo cuadrimestre diversas propostas para o estudo de idiomas modernos. Así, no Campus de Santiago están previstos cursos cuadrimestrais de 40 horas de catalán, checo, danés, portugués e ruso, así como cursos intensivos de chinés e de xaponés. Ademais, o alumnado terá á súa disposición unha nova edición dos cursos de galego para non galegofalantes, tanto en Santiago como en Lugo, organizados en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística. A oferta do CLM completaríase cun Curso de Literatura e Cultura Española a través do Cine e outro de preparación para o exame DELE B2 de español, ambos os dous para alumnos estranxeiros. Todas as persoas interesadas en cursar estudos nunha lingua da que xa posúan coñecementos previos terán unha nova oportunidade de realizar a proba de nivelación o vindeiro venres, día 18. Ademais, o alumnado destes cursos poderá validalos por 2,5 créditos de libre configuración. Matrícula e requisitos
O único requisito para tomar parte nestes cursos é ter cumpridos 16 anos de idade. O prazo de matrícula para os cursos de catalán, checo, chinés, danés, galego para non galego falantes, portugués e ruso remata o 22 de febreiro, mentres que para o curso de cultura e literatura española a través do cine estenderase dende o 22 de febreiro ata o 21 de marzo. Finalmente, o prazo para o curso preparatorio do DELE B2 rematará o 2 de marzo.