Aberto o prazo de inscrición para que os alumnos poidan participar no proxecto Mentoring USC

Ata o 13 de novembro estará aberto o prazo para que o alumnado que cumpra os requisitos poida inscribirse no proxecto Mentoring USC Desenvolvemento Profesional. A inscrición deberá realizarse a través da web do proxecto. A idea é poñer en contacto o alumnado de máster, graduados de último curso e titulados no curso académico 2014-2015 con directivos e profesionais de empresas, co obxecto de que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional.
Na selección do estudantado priorizaranse aqueles alumnos/as con mellor expediente e moi especialmente os/as que estudan con bolsa. A cada estudante seleccinado/a asignaráselle un mentor ou mentora que teña un perfil académico ou profesional apropiado para que o acompañe e guíe durante catro meses. Mentoring, impulsado pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, iníciase este curso académico con máis de 40 directivos/as interesados en participar como mentores do estudantado da USC. Quen estea interesado pode obter máis información a través da Área de Orientación Laboral da USC.
Esta nova proposta da USC busca reducir a incerteza do alumnado que rematou ou está a piques de rematar a súa etapa universitaria e carece de referencias previas para orientar axeitadamente o seu perfil ao mercado laboral. O novo programa permite ademais completar un círculo que se inicia nas aulas co proceso formativo e ao que agora se suma o contacto co mundo laboral. Poden ser mentores ou mentoras calquera directivo, profesional ou emprendedor con preparación que estea disposto a dedicar unha parte do seu tempo a escoitar as inquedanzas dos estudantes, compartir coñecementos e experiencias e aconsellar ás persoas ‘mentorizadas’. Ademais, a empresa ou organización á que pertenza o mentor/a visibilizarase na web da USC e acreditarase como “empresa colaboradora” da Universidade de Santiago.
O alumnado deberá asistir ás sesións presenciais de presentación e clausura do proxecto, tomar a iniciativa para contactar co mentor/a e con el/a planificar os obxectivos deste período e finalmente valorar o desenvolvemento do programa e os resultados obtidos. No futuro está previsto que este programa xeral se complemente cunha convocatoria especial para alumnado con necesidades especiais, baixo a denominación Mentoring Inclusivo.