Aberto o prazo de inscrición para un curso en liña de Flamenco
O estudantado dos Campus de Santiago e Lugo poderá realizar un curso gratuíto en liña de Flamenco, limitado a un máximo de 50 persoas en Compostela e outras tantas no campus lugués. O curso desenvolverase dende decembro de 2011 ata maio de 2012 cunha duración total de 50 horas, estando aberto o prazo de matrícula ata o próximo 25 de novembro. Esta oportunidade formativa xurde promovido pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua en virtude dun un acordo coa Universidade de Cádiz. O programa consta de diferentes bloques metodolóxicos todos son en liña, agás sete proxeccións presenciais doutros tantos espectáculos de flamenco especificamente producidos para este curso e que terán lugar na Fonoteca Universitaria en Compostela e na Casa do Saber para o Campus de Lugo. As dúas primeiras estarán dedicadas a José de la Tomasa e José Valencia, respectivamente. As persoas que se matriculen terán acceso a seis conferencias, dispoñibles na web do programa de forma graduada que tratarán temas como o flamenco ante o mercado das artes escénicas, os cantes e estilos de Cádiz ou as pegadas do andaluz nos teatros da Habana. Ademais, desenvolverase un curso progresivo impartido polo catedrático de flamenco Faustino Ñúñez mediante unha serie de dinámicos clips audiovisuais que abordarán temas como a xeografía do flamenco, novos datos sobre as súas orixes, os instrumentos non flamencos no flamenco, a fusión neste repertorio e Paco de Lucía, Camarón e Antonio Gades como renovadores do xénero. As persoas matriculadas tamén terán acceso a ‘Catro Presenzas Flamencas’ consistentes en entrevistas a destacados artistas e dispoñibles na web mediante vídeo streaming. Completando o conxunto está previsto un resumo de aproximadamente dúas horas de duración dispoñible na web, que abarcará os aspectos fundamentais tratados no tres obradoiros da aula de Arte Flamenca da Universidade de Cádiz. Esta mesma universidade, ao final do programa, expedirá un certificado de asistencia, para o que será necesario realizar unhas probas que se determinen a través do campus virtual do programa.
Máis información en http://www.uca.es/app/celama/2011fer/fersuperior/uscsantiago2 (para o Campus de Santiago) e en http://www.uca.es/app/celama/2011fer/fersuperior/usclugo2 (para o Campus de Lugo)