Ir o contido principal

Aberto o prazo de inscrición nos cursos de verán de escalada, natación e para perder o medo á bici

Ademais, a Área de Deportes organiza en xuño catro rutas por Compostela

A Área de Deportes da USC abre este luns o prazo de inscrición nos cursos de Iniciación á Escalada, Prácticas de Escalada e Perdendo o medo á ‘Bici’. Ademais, continúa a posibilidade de anotarse nas clases intensivas de Natación e a partir do mércores 28 comeza a matrícula en catro rutas por Compostela.
As sesións para aprender a montar en bicicleta terán lugar no Campo de Hoquei Herba os días 3, 4 e 5 de xuño de 16:00 a 18:00 horas. Cómpre levar roupa cómoda e calzado axeitado. A idade mínima para participar é de 18 anos.
Tamén nestas datas pero de 10:30 a 12:30, o Estadio de Atletismo do Campus Sur acolle as xornadas de Iniciación á Escalada. Non obstante, as persoas que fixeron este curso poden perfeccionar os coñecementos adquiridos coas sesións prácticas que serán durante o mesmo mes os días 9, 10, 12 e 17 de 11:00 a 13:00 no Estadio.
As rutas por Compostela transcorrerán en xuño pola zona sur do Pedroso o día 5 ás 18:00 horas, pola parte norte do monte o 12 ás 17:00, polo Romaño o 19 ás 17:00 e polos parques e xardíns da cidade o 26 ás 17:00. O prezo son doce euros por catro rutas e seis por dúas.
Xa en xullo repetiranse os cursos intensivos de natación que poden ser de quincenais ou mensual. Para máis información pódese consultar a páxina www.usc.es/deportes ou chamar ao teléfono 981563100, nas extensións 15070, 15071, 15072 e 15073.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2008.