Ir o contido principal

Aberto o prazo de inscrición para o Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Emprendemento GEM-CEE

Cartel do encontro
Cartel do encontro
A presentación de resumos pode realizarse ata o 26 de xuño
Santiago de Compostela

O Encontro Ibérico de Investigación e Educación en Emprendemento GEM-CEE, que se celebrará do 24 ao 26 de setembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, acaba de abrir o seu prazo de inscrición. Atendendo á situación actual, o evento ofrece a posibilidade de participación tanto presencial como en remoto. A organización estableceu dúas quendas de inscrición: ata o vindeiro 17 de xullo, cunha tarifa especial; e unha segunda, ata o 18 de setembro. Ademais, mantense aberto o prazo para que as persoas interesadas presenten os seus resumos, que tamén poderán ser defendidos de maneira presencial ou telemática. O prazo de envío de propostas pecharase o vindeiro venres 26 de xuño.

O Encontro Ibérico en Investigación e Educación en Emprendemento GEM-CEE é o resultado de celebrar de maneira conxunta o V Workshop Internacional de Investigación en Emprendemento GEM-ACEDE (España) e a VI Conferencia sobre Educación para Emprender CEE 2020 (Portugal). O grupo de investigación GEM-Galicia, como membro de GEM-España, desenvolve este evento xunto con representantes da iniciativa lusa CEE 2020, coas profesoras da USC Loreto Fernández e Isabel Neira como coordinadoras do comité de organización local.

Marcado polo contexto global de reto económico e sanitario, o Encontro propón facilitar que a comunidade científica de España e Portugal poda presentar e debater de maneira conxunta medidas, accións e propostas que axuden ao ecosistema emprendedor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.06.2020.