Ir o contido principal

Aberto o prazo de inscrición do Programa de Extensión Cultural de Astronomía

Aberto o prazo de inscrición do Programa de Extensión Cultural de Astronomía
Aberto o prazo de inscrición do Programa de Extensión Cultural de Astronomía

O Programa de Extensión Cultural de Astronomía (PECAS) alcanzará este curso a súa vixésima edición. Dirixido tanto á comunidade universitaria como ao público en xeral, esta é unha iniciativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) que inclúe visitas guiadas ao Observatorio, sesións de observación nocturna tanto a simple vista como con telescopios, observación solar, charlas didácticas e obradoiros.

A comunidade universitaria, que poderá validar a participación no programa por un crédito ECTS no caso do alumnado de grao, xa pode formalizar a inscrición ben na web do PECAS ou ben no Observatorio en horario de 20.00 a 22.00 horas, en ambos dous casos ata o próximo 2 de novembro. No caso do público xeral, poden dirixirse á Área de Cultura da USC nos teléfonos 881.811.103 ou 881.811.018.

O programa está apoiado pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social e conta tamén co patrocinio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a empresa Óptica Val. O propósito desta proposta é dar a coñecer o mundo da Astronomía, así como as funcións do Observatorio, fundamentalmente a aquelas persoas que non teñen un contacto directo coa ensinanza oficial desta disciplina. As sesións programadas permitirán dar a coñecer os principios básicos da observación astronómica, tanto a simple vista como con prismáticos ou telescopios, de tal xeito que quen asista adquira a preparación e a experiencia necesarias para que poidan realizan observacións de xeito autónomo.

Tamén están previstas charlas teóricas sobre asuntos astronómicos xerais para complementar as de carácter práctico, xunto coa emisión de vídeos de divulgación astronómica, onde poder explicar os conceptos e temas tratados nas sesións de observación. Outras actividades serán as sesións sobre o uso do planisferio, de telescopios e de reloxos de Sol, así como recursos informativos sobre bibliografía actual e astronomía na rede.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2016.