Aberto o prazo de inscrición de propostas na sexta edición de Youtubeiras

O concurso Youtubeiras chega á súa sexta edición con importantes novidades. Desta volta serán oito as categorías en competición neste certame organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación no YouTube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede. Así, canda os premios ás mellores propostas de canle, youtubeira/o, vídeo, calidade lingüística, pioneira/o, rede e ao premio do público incorpórase por primeira vez este ano a categoría de youtubeira/o revelación.
Nesta sexta edición muda tamén a contía dos premios en metálico. Todos os galardóns contarán cunha dotación de 1.000 euros, agás o premio do público ao que se reservan 500 euros. O envío de propostas ao concurso, cuxas bases completas están dispoñibles na web de Youtubeiras, mantense aberto ata o 15 de novembro, e entre elas volverán admitirse as canles que só teñan un vídeo público, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco.
O xurado da nova edición estará composto por Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeiro do ano na edición anterior; Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018.
O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.
