Aberto o prazo de matrícula no Curso de Habilidades Comunicativas

O Servizo de Normalización Lingüística da USC impulsa unha nova edición do seu Curso de Habilidades Comunicativas dividido en tres módulos que poden cursarse de xeito independente. Esta iniciativa formará ao alumnado inscrito nos eidos da redacción científica, falar en público, así como na elaboración de presentacións dixitais eficientes.
O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma coroporativa Teams, terá lugar ao longo deste primeiro cuadrimestre do curso 2020-21 e está aberto a estudantes de calquera dos dous campus. Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. Este curso convócase dúas veces ao longo do ano académico. A presente edición desenvólvese entre setembro e novembro; mentres que a segunda terá lugar en febreiro, marzo e abril.
A redacción científica (módulo 1)
O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita e está dirixido ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico como é o caso dun artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de máster, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento. A matrícula pode formalizarse nesta ligazón.
Falar en público (módulo 2)
A defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, ou a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa son algúns dos puntos que se abordarán neste módulo. “Os estudantes da Universidade, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral”, explican dende Normalización Lingüística. “Neste sentido, entendemos que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral”, engaden. Nesta ligazón, pode formalizarse a matrícula neste módulo.
Presentacións dixitais eficientes (módulo 3)
“As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do alumnado universitario, pero por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven, ou transicións efectistas de máis son algunhas das características de moitas das presentacións das aulas universitarias”, explican dende Normalización Lingüística. O módulo pretende que nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado, é dicir, transmitir mellor o coñecemento científico. A matrícula no módulo pode formalizarse nesta ligazón.