Ir o contido principal

Aberto o prazo de matrícula para o novo Máster Oficial en Economía: Organización Industrial e Mercados Financeiros

O Máster Oficial en ‘Economía: organización industrial e mercados financeiros’ comezará a impartirse o vindeiro curso académico logo de ter recibido a aprobación da Agencia Nacional de la Calidad y Acreditación (ANECA). Este posgrao oficial proporciona formación de interese tanto para titulados en Economía e Empresa como para doutras áreas, ao complementar a súa formación e permitirlles achegarse á realidade da actividade económica e empresarial na que están chamados a inserirse. O prazo de matricula xa se atopa aberto estendéndose ata o próximo 10 de setembro.
Cunha carga docente de 60 créditos a cursar nun ano académico, o programa ofrece formación en economía xeral e en métodos cuantitativos aplicados á economía, e cursos especializados en dúas áreas de grande utilidade para o desenvolvemento profesional debido á súa estreita relación coa actividade económica e empresarial, a organización industrial e os mercados financeiros.
A oferta de materias optativas permite configurar cinco itinerarios de especialización, Organización Industrial, Mercados Financeiros, Macroeconomía e Finanzas, Regulación Económica, e Métodos Cuantitativos Aplicados á Organización Industrial e ás Finanzas.
Rematado o período docente, os titulados estarán capacitados tanto para realizar análises de sectores industriais, mercados financeiros, empresas e organismos públicos, como para avaliar decisións, estratexias e políticas nos ámbitos privado e público. En función do itinerario de especialización que se elixa, o Máster prepara ao alumno para desenvolverse como economista en áreas específicas da empresa privada (industria ou banca) e en organismos públicos. No que se refire á investigación, o programa tamén ofrece ao alumno a posibilidade de continuar con estudos de doutoramento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.07.2009.