Aberto o prazo para participar no concurso ‘RedEmprendia 2012: Da Idea á Acción’
Os universitarios pertencentes ao espazo iberoamericano son os destinatarios do concurso ‘ RedEmprendia 2012: Da Idea á Acción’, a través do que se pretenden impulsar ideas de negocio innovadoras nacidas do ámbito universitario. Outorgaranse tres premios dotados con 3.000 € cada un e un curso de formación en Babson College, institución mundialmente recoñecida no ámbito do emprendimento. Adicionalmente, RedEmprendia completará cada galardón cun premio en especie para os emprendedores, a quen facilitará asesoramento e/ou a posibilidade de participar en distintos proxectos ou accións da rede. As persoas que decidan participar poderán concursar a título individual ou en equipos de tres membros como máximo. Poden ser estudantes de grao, posgrao ou doutoramento, así como titulados/as con posterioridade ao 1 de xeneiro de 2008 que posúan unha idea innovadora de negocio con potencial de desenvolvemento comercial. A inscrición pódese formalizar ata o 31 de agosto de 2012 a través do sitio web do concurso para o que haberá que presentar a idea nun vídeo cunha duración máxima de 3 minutos, seguindo a fórmula de “Elevator Pitch”. Máis información en http://redemprendia.es/spin-2012/premio-de-la-idea-a-la-accion ou www.redemprendia.org