Aberto o prazo para participar nas Conversas das Culturas do máster de Servizos Culturais da USC

O máster de Servizos Culturais da USC abre a convocatoria para seleccionar catro persoas que participen como relatores e ou conversadores das Conversas de Culturas que se desenvolverán a no mes de abril no auditorio da Casa do Saber en Lugo. As bases desta convocatoria xa están dispoñibles na web.
As Conversas das Culturas son unha serie de sesións abertas para o público en xeral e teñen unha duración de como máximo dúas horas, durante as que o mediador da conversa, encargarase de dinamizar a mesma, procurando así reivindicar a conversa como unha forma máis de aprendizaxe. Nesta ocasión as Conversas das Culturas organizadas ao abeiro do máster en Servizos Culturais da USC terán como eixo a diversidade e a aposta pola ecoloxía das culturas e de saberes. A través destas conversas aspirase á necesidade de construír paradigmas onde os coñecementos sexan pensados “ dende as experiencias subalternas. Non se trata só de visibilidade a esa “outredade’ epistémica”, se non que tamén se busca facilitar o impulso doutros espazos de enunciación e co-crear ferramentas que o fagan posible. As Conversas das Culturas forman parte dunha das accións do CulturaLab do máster en Servizos Culturais da USC e constitúen un espazo entendido como un laboratorio para a experimentación e deseño de prototipos de novas metodoloxías de intercambio de coñecementos. Nesta ocasión, e continuando pola aposta pola innovación, os propios alumnos matriculados neste posgrao oficial, xunto ao coordinador do CulturaLab, Fran Quiroga, serán os que decidan que conversadores serán os que guíen cada sesión. A procura da implicación do alumnado é fundamental, en tanto que eles que deseñaron a convocatoria, seleccionarán tamén os relatores e serán eles mesmos os que valoren a calidade do propio CulturaLab do máster de Servizos Culturais, sinala Fran Quiroga. Aquelas persoas que desexen participar na selección dos conversadores poden enviar a súas respectivas propostas ata o 10 de febreiro ao enderezo de correo electrónico msc.culturalab [at] usc.es (msc[dot]culturalab[at]usc[dot]es). As mensaxes deben incluír nome e apelidos, centro de adscrición, un breve currículo, así como a proposta da conversa acompañada dunha memoria explicativa cunha extensión non superior a 4.000 carácteres. A relevancia teórica das candidaturas e a innovación na proposta serán dous dos parámetros que terá en conta o comité de selección, que tamén valorará a claridade de ideas e a adecuación ao obxecto de debate. A comezos de marzo farase pública a resolución das propostas escollidas para as Conversas das Culturas, unha iniciativa que conta co financiamento do CampUSCulturae, un proxecto da USC a prol das culturas do mundo, do entendemento multicultural e do fomento da diversidade e o pluralismo, que conta co apoio económico da Comisión Europea.