Ir o contido principal

Aberto o prazo para participar no programa 'Deixa a túa pegada no Camiño. Camiño solidario das universidades'

O prazo de inscrición para participar no programa ‘Deixa a túa pegada no camiño. Camiño solidario das universidades’ xa está aberto. Organizada pola USC en colaboración co Xacobeo SA, a iniciativa terá lugar do 14 ao 29 de xullo para facilitar que os membros das distintas universidades participantes realicen actividades voluntarias de carácter ambiental e cultural ao mesmo tempo que percorren o tramo galego do Camiño Francés.
A ruta, que suma un total de 152 quilómetros, divídese en varias etapas que pasarán por Lugo, Cebreiro, Triacastela, Sarria, Portomarín, Palas, Arzúa, Santiago, Castromaior e Portomarín.
As actividades de voluntariado desenvolveranse durante as mañás, e polas tardes organizaranse talleres de tempo libre. Nas sesións vespertinas, o programa inclúe visitas guiadas ao castro e museo de Viladonga, á muralla de Lugo, ao centro arqueolóxico de San Roque, ao museo provincial e ao centro de interpretación ‘Terras do Miño’, xunto cunha ruta polas ribeiras do río Miño, entre outras moitas actividades.
Para anotarse, cada participante deberá abonar un total de 50 euros que inclúen aloxamento nas residencias universitarias xunto coa comida e o almorzo mentres participan en labores de voluntariado. As ceas e a viaxe de ida e volta correrán a cargo dos interesados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2007.