Ir o contido principal

Aberto o prazo para presentar propostas aos XII Premios Luísa Villalta

Calquera membro das tres universidades galegas (PAS, estudantes ou docentes), ben a título individual ou en equipo, pode participar nos XII Premios Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras nalgunha das súas dúas modalidades: campaña ou idea. A primeira, dotada con 1.200 euros, premiará unha proposta que desenvolva unha iniciativa orixinal de fomento do uso do galego no ámbito universitario. A campaña debe presentarse de xeito que conte cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. Ter unha boa idea para o galego na Universidade mais non a súa planificación ou desenvolvemento tamén ten premio, neste caso ata 800 euros. Só hai que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social. O Premio ‘Luísa Villalta’ convócano os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxecto de desenvolver iniciativas innovadoras relacionadas coa planificación e a normalización lingüística, promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria a respecto da situación do galego e aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades. O prazo para presentar a proposta de campaña ou a idea no rexistro xeral de calquera das tres universidades rematará o 4 de novembro. No web do certame poden atoparse as bases completas e mesmo as propostas gañadoras de edicións anteriores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2015.