Aberto o prazo para presentar proxectos á convocatoria de innovación educativa en aprendizaxe-servizo da USC

Os programas de Aprendizaxe-Servizo (ApS) constitúen unha proposta de innovación educativa asociada a avanzar no logro de competencias profesionais e a optimizar o crecemento persoal do alumnado, a través dun servizo á comunidade. Baixo esta premisa, a USC acaba de lanzar unha nova convocatoria coa vontade de impulsar, asesorar, recoñecer e dar difusión a proxectos de innovación que utilicen a metodoloxía ApS nos procesos de ensino-aprendizaxe na institución compostelá, integrando a preparación para a práctica profesional co exercicio da responsabilidade social do alumnado. O prazo de presentación de solicitudes esténdese ata o vindeiro 30 de novembro.
Os proxectos deben estar vinculados a materias que figuren no Plan de Organización Docente (POD) do curso 2022-2023 e poden ser presentados nalgunha das dúas modalidades que integran a convocatoria. A ‘Modalidade A. Proxectos emerxentes’ acolle a presentación de propostas que concorran por primeira vez ás convocatorias de innovación educativa en ApS da USC, ou que en edicións anteriores non foran seleccionadas. Doutra banda, a ‘Modalidade B. Proxectos consolidados’ inclúe as propostas que xa foran implementadas e avaliadas positivamente en convocatorias anteriores e que amplíen a súa intervención coa presenza dalgún elemento innovador.
A ApS pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. A presentación realizarase a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’ e de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.
“O auxe da ApS na educación superior está ligado a unha activa relación da universidade coa sociedade civil”, explican dende o Centro de Formación de Persoal da USC que acaba de impulsar a sétima edición desta convocatoria. No ano 2015, a CRUE recoñecía a importancia da institucionalización da ApS como estratexia docente dentro do marco da responsabilidade social universitaria para a promoción da sustentabilidade. A USC conta xa con achegas significativas no desenvolvemento desta metodoloxía, pois dende hai anos, lévase traballando no eido da formación, a investigación e a difusión.