Ir o contido principal

Aberto o prazo para solicitar as bolsas do Mercado de Abastos de Santiago

Convócanse 10 bolsas de 120 euros mensuais

A USC e a Sociedade Cooperativa Galega Mercado de Abastos de Santiago xa abriron unha nova convocatoria de bolsas destinadas a promover o consumo de produtos frescos entre o estudantado. Deste xeito, convócanse 10 bolsas para a realización de compras nos establecemento do Mercado de Abastos adheridos a esta iniciativa. Son 10 bolsas, ás que pode optar alumnado de grao e de primeiro e segundo ciclo matriculados en titulacións do Campus compostelá que non teñan sido beneficiarios/as destas bolsas nos catro cursos anteriores. As persoas que se presenten a esta convocatoria deberán, ademais ter o domicilio familiar fóra do Concello de Santiago e acreditar unha nota mínima de expediente académico de como mínimo 7,5 puntos. Cada unha das bolsas terá unha dotación de 120 euros mensuais para o período comprendido entre o 21 de xaneiro e o 30 de xuño de 2013, a razón de 5 euros ao día, de luns a sábado, non acumulables máis dunha semana. Cada beneficiario/a terá á súa disposición todas as semanas, a partir do luns, seis bonos cun importe de cinco euros cada un que poderá trocar en calquera dos establecementos da praza. As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado (Pavillón Estudantil) antes do 21 de decembro. Xunto coa solicitude, será preciso achegar copia do DNI, certificado de convivencia do Concello onde figure o domicilio familiar e expediente académico ou copia de tarxeta da PAAU ou do expediente do ciclo superior de FP (neste último caso para alumnos de primeiro que se matricularon por primeira vez). Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2012.