Ir o contido principal

Aberto o prazo para solicitar as bolsas de sustentabilidade para o vindeiro curso

Por quinto ano consecutivo, a Universidade de Santiago convoca para os seus estudantes as Bolsas de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria correspondentes ao vindeiro curso académico 2008-09. O prazo para a recepción de solicitudes remata o xoves 12 de xuño.
O obxectivo principal das bolsas é o desenvolvemento, nas facultades e escolas da USC, de actividades relacionadas co medio ambiente e o desenvolvemento sostible. Ademais, os bolseiros colaborarán activamente na difusión entre todos os membros da comunidade universitaria destas actividades e de accións solidarias emprendidas dende a Universidade.
A iniciativa está programada conxuntamente polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da Vicerreitoría de Calidade e planificación.
Proxectos desenvolvidos neste cursoDurante o presente curso 2007-08 os bolseiros SPIU colaboraron en campañas divulgativas, auditorías enerxéticas simplificadas en escolas e facultades e mellora da xestión de residuos. Participaron ademais en actividades formativas como a visita á planta de tratamento de residuos de SOGAMA, ao Concello de Guitiriz declarado núcleo de sustentabilidade pola Consellaría de Medio Ambiente ou ás instalacións relacionadas coa xestión de enerxía e residuos na USC, entre outras.
Tamén este curso os bolseiros realizaron intercambios de voluntariado ambiental con estudantes doutras universidades a través de proxectos como a Caravana Universitaria polo Clima e a Rede de Universidades polo Clima, o que lles permitiu enriquecer a súa experiencia tanto profesional coma persoal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2008.