Ir o contido principal

Aberto o prazo para solicitar prácticas externas extracurriculares a través do Consello Social

O período de prácticas ten unha duración mínima de 125 horas. FOTO: Santi Alvite
O período de prácticas ten unha duración mínima de 125 horas. FOTO: Santi Alvite
A inscrición poderá realizarse ata o 7 de outubro e o/a estudante mellor valorado/a polo seu titor/a recibirá 1.500 euros
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello Social da USC acaba de abrir a convocatoria para solicitar prácticas externas extracurriculares para o período que se estende ata o 15 de maio de 2021. As peticións poderán presentarse a través deste formulario en liña ata o vindeiro 7 de outubro, ou no rexistro electrónico xeral da USC dirixidas á presidenta do Consello Social premendo nesta ligazón.

Este ano, o Consello Social premiará ao estudante mellor valorado, por parte do seu titor ou titora externa, na realización das prácticas en calquera das modalidades recollidas na convocatoria. O premio consistirá na entrega dun diploma acreditativo e nunha dotación económica de 1.500 euros.

A esta convocatoria pode presentarse alumnado dos graos en Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Dereito, Economía, Educación Social, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Historia, Historia da Arte, Óptica e Optometría, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social, Veterinaria, así como Xestión de Pequenas e Medianas Empresas. Tamén pode concorrer a esta convocatoria o alumnado do dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria-Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, e dos mestrados en Dirección de Empresas, Dirección e Xestión Contable e Financeira e Xestión e Dirección laboral.

O período de prácticas ten unha duración mínima de 125 horas (5 ECTS) e máxima de 750 horas (30 ECTS) a realizar no prazo máximo de seis meses.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2022.