Ir o contido principal

Abordan na ETSE a sustentabilidade dende a educación

Abordan na ETSE a sustentabilidade dende a educación
Abordan na ETSE a sustentabilidade dende a educación
UNIVERSIDADE DE VERÁN 2015

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, co patrocinio de SOGAMA e Voz Natura, organiza o curso de verán ‘Educar para un desenvolvemento sostible’ que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería do Campus Vida entre o 16 e o 19 de xuño. O prazo de matrícula remata o vindeiro venres 5 de xuño. O curso pretende favorecer un espazo de aprendizaxe, encontro e intercambio de contidos e experiencias sobre o desenvolvemento sostible e a súa inclusión na educación. Está dirixido a docentes en exercicio e en formación, á comunidade universitaria con especial interese para o alumnado vinculado ao ámbito da educación, así como a quen teña perfís próximos ao medio ambiente e o desenvolvemento sostible. Os relatorios xirarán en torno aos recursos, as enerxías eficientes e a economía circular, as competencias en sostibilidade e a práctica docente, a pegada ecolóxica, o cambio climático, a agroecoloxía, a alimentación e a perspectiva persoal ante a sustentabilidade. Entre os relatores destacan Mª Ángeles Murga, da UNED e da Cátedra UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sostible; a profesora da UDC Araceli Serantes; o profesor da USC Pablo Meira e responsable do proxecto RES-CLIMA; e os docentes da USC Pastora M. Bello, Adolfo Carballo, Xan Neira, María Pilar Jiménez Aleixandre e Pablo Brocos. No transcurso do curso presentaranse diversas experiencias como o programa Voz Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, o Proxecto Terra do Colexio de Arquitectos de Galicia, a educación ambiental no modelo SOGAMA, o comercio xusto como alternativa, os dereitos dos animais e a súa conduta e outras destacadas no ensino secundario como as levadas a cabo no IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), na Universidade Laboral (Culleredo) e as iniciativas internacionais de Climántica na Educación Secundaria durante o ano académico 2014-2015.

Haberá ademais obradoiros na aula de enerxías renovables da ETSE sobre a construción de fornos solares coa colaboración de ACIDE e sobre a aprendizaxe de servizo co grupo ESCULCA e unha visita ás instalacións enerxéticas da USC da man da Unidade de Enerxía e Sustentabilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2015.