Ir o contido principal

Abordan en Historia os novos enfoques no estudo da Transición

O grupo de investigación HISPONA (Historia Política e dos Nacionalismos) da USC desenvolve este mércores 11 e o xoves 12 na Facultade de Historia o seminario ‘Papá, cóntame outra vez: Novas olladas da Transición’ no que diversos especialistas abordarán novos enfoques no estudo da transición española. A asistencia é libre. O encontro comeza ás 11.00 na aula 14 coa intervención de Javier Contreras, da Universidade de Granada, titulada ‘¿Desmobilización ou final dun ciclo de protesta? Movementos sociais e oposición á OTAN (1980-1986)’ e continúa con Fátima Martínez, da USC, con ‘A democracia nas rúas. O movemento veciñal na España da Transición (1970-1980)’. A sesión da tarde trasládase á sala de profesorado da facultade na que intervirán a partir das 17.00 horas Pau Casanellas, do Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova de Lisboa, coa charla ‘Antes do cambio. Represión e quebra do consenso nos estertores do franquismo (1969-1977)’ e Ferrán Gómez, de Alacante, con ‘O maxisterio en Transición. Da loita antifranquista á creación dos sindicatos da ensinanza (1970-1977)’. Na xornada do xoves participará ás 11.00 horas Zuriñe Sainz, da Universidade Pública de Navarra, con ‘Navarra cuestión de estado. Claves interpretativas do cambio político na provincia. Unha aproximación’ e Juan Carlos Colomer, de Valencia, que disertará acerca da información que os concellos poden achegar para coñecer mellor o cambio político.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2015.