Abre a inscrición para o Curso de Saúde Ambiental que se celebrará en Lugo no mes de xuño
Lugo será novamente no mes de xuño punto de encontro de ambientalistas de toda a provincia e de Galicia durante a celebración da XXXVI edición do Curso de Saúde Ambiental-Congreso provincial de Medio Ambiente, presentado este martes na Fundación Caixa Galicia e organizado polo profesor Francisco Peña coa colaboración das distintas Administracións Públicas, da Obra Social de Caixa Galicia e da USC.
Este foro de debate ten como obxectivo fundamental contribuír ao desenvolvemento sostible da provincia de Lugo, a mellorar a xestión nos aspectos ambientais da saúde dos concellos lucenses e con isto as condicións de vida urbana, tendo presente o peso específico que ten no medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, renda, saúde e benestar á poboación.
O congreso terá lugar entre o 2 e o 6 de xuño con sede na Fundación Caixa Galicia. Constará de oito sesións plenarias e unha exposición sobre a reserva da biosfera Terras do Miño na que participarán expertos das tres universidades galegas e da UPM; responsables e técnicos das Consellarías de Sanidade, Medio Ambiente e Industria, do Ministerio de Medio Ambiente e dos concellos, así como xestores de empresas relevantes de Galicia. Está prevista a intervención dun total de 42 relatores. O programa completarase con visitas prácticas á Reserva da Biosfera Terras do Miño, a ETAP, a EDAR e ao Punto Limpo de Lugo e ao Balneario e Termas Romanas.
Este curso está dirixido a funcionarios e responsables políticos da Administración local, provincial e autonómica, ao profesorado de ensino Secundario, Formación Profesional e Universidade; técnicos e xestores de calidade, medio ambiente e prevención de riscos laborais e estudantes do ámbito universitario. A USC recoñeceu para este Congreso un crédito de libre elección.
Os interesados en inscribirse poden facelo a través do Servizo de Medio Ambiente do Concello de Lugo, que se ocupa da secretaría técnica do Congreso, no teléfono 982 297 244. O custo de matrícula é de 30 euros e hai un límite de cen prazas.