Abre a inscrición na III Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente

A terceira Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID) ‘Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro’, organizada polas tres universidades públicas galegas aínda que coordinada nesta ocasión pola UVigo, conformará un punto de encontro entre profesorado de educación superior de toda a comunidade para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir novos proxectos.
A xornada presencial, na que pode participar calquera persoa interesada, desenvolverase no Paraninfo do Edificio Ernestina Otero da Universidade de Vigo o vindeiro 20 de novembro. Ademais, o PDI das tres universidades poderá participar tamén na modalidade virtual, mediante a presentación de pósteres na plataforma UDCAberta. A data límite de inscrición na modalidade virtual é o 22 de outubro e o 7 de novembro na presencial.
A conferencia plenaria correrá a cargo da profesora da UNIR Milagros Torrado Cespón, que versará sobre a docencia en tempos de Intelixencia Artificial. A continuación, desenvolveranse un debate sobre ‘Innovación na docencia universitaria, retos para un modelo máis eficaz, inclusivo e sostible’ guiado polo profesor da UVigo Fernando Cerdeira no que participarán o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle López; o profesor da USC Adrián Dios Vicente e a profesora da UVigo Almudena Alonso Ferreiro. Xa en quenda de tarde poderanse coñecer experiencias de innovación docente ligadas á internacionalización, á introdución das ODS e á IA.