Abre o prazo de matrícula para os cursos de idiomas do segundo cuadrimestre

O Centro de Linguas Modernas da USC oferta para este cuadrimestre novos cursos de árabe, catalán, checo, chinés, danés, lingua de signos, portugués, ruso, xaponés, inglés, galego para non galegofalantes e español para estranxeiros. A matrícula estará aberta para toda aquela persoa maior de 16 anos desde o 23 de xaneiro ao 8 de febreiro. En concreto, en Santiago haberá cursos de 40 horas de árabe, catalán, checo, chinés, danés, lingua de signos, portugués, ruso e xaponés e en Lugo cursos de lingua de signos e de inglés, este último de 40 horas presenciais e outras tantas de traballo autónomo. Ademais, nos dous campus impartirase galego para non galegofalantes e cursos intensivos de español para estranxeiros en febreiro (coa matrícula do 7 ao 15 dese mes) e regulares ao longo de todo o cuadrimestre (matrícula do 7 de marzo ao 1 de abril). Probas de nivel As persoas interesadas nos cursos cuadrimestrais terán que facer unha proba de nivelación o día 29 de xaneiro. O prazo para a inscrición nesta proba estará aberto desde este mércores 23 ata o día 28. Unha vez realizada, o alumnado deberá facer a matrícula correspondente ao nivel asignado. Os estudantes internacionais interesados nos cursos intensivos de español para estranxeiros terán que facer esa proba o 7 de febreiro, previa inscrición dende o día 1. Para o curso cuadrimestral a data será o 7 de marzo.